Un manifesto
Nosa filosofía
O que non vemos, tamén
forma parte de nós.
É un acontecemento lunar.
Cando observamos a lúa nesta fase só podemos ver a metade iluminada polo sol. A outra parte permanece na sombra. E, aínda así, sabemos que é unha esfera.
Temos ese coñecemento previo da totalidade, de que hai unha parte que sabemos que está, pero non resulta accesible.
Moitas veces é así como nos sentimos. Partes da nosa psique, do que pensamos, facemos ou deixamos de facer, os patróns que repetimos ou a dificultade para saber que necesitamos escapan á nosa consciencia.
Suceden, pero non vemos que son. Están nun lugar sombrío.
E sen luz, andamos ás tentas.
A invitación
Facernos responsables
da esfera completa.
A invitación deste espazo é a de aceptar a existencia das sombras, ver con maior claridade e, dende aí, con amabilidade e calma, facernos responsables da esfera completa.
Tamén a de iluminar as sombras do colectivo, onde o benestar xa non é tarefa só dunha, senón da comunidade por enteiro.
¿Queres acceder á túa sombra?
Respira fondo: trátase dun acto sagrado.
Arrastra as cartas para movelas
Sufrir é
A dor é parte da existencia humana, si. Estar permanentemente na alegría de vivir é un ideal imposible, aburrido e cursi.
Agora ben, bendita tranquilidade.
Se algo pode ser saúde, seguro que é algo moi próximo á paz cunha mesma. Non se trata da ausencia de conflito, tristeza ou rabia, senón dunha relación máis honesta e amable con quen somos.
É o traballo dunha vida. Pero ás veces precisamos do empurrón da axuda profesional.
Sufrir é unha merda porque sufrimos de máis.
Vivimos nun momento social, político e vincular de profundo individualismo, violencia e velocidade.
Relacións líquidas ou violentas, traballos precarios e necesidades creadas por terceiros impactan nos nosos corpos, mentes, emocións e espírito.
E onde atopar a saúde aquí? Pois como poidamos.
Unha das maneiras, que non a única, é revisarnos a nós mesmas.
Preguntarnos tamén é
unha maneira de coidarnos.
Cantos deses ideais que funcionan dentro de min non me representan?
Como recoñecer a violencia e poñerlle límites?
En que lugares, con que persoas e en que espazos podo sentirme máis segura, cómoda e realizada?
En que non estou sendo libre?
Que é o que necesito… verdadeiramente?
Sufrir de máis tamén é…
Esixirse, compararse e vivir na procura da perfección.
Vivir a vida que se supón, que toca, que é o «normal».
Calar, resignarse e crer que se pode con todo.
Non saber ou non querer pedir axuda.
Non aceptarse e aceptar as circunstancias, a biografía e a historia familiar.
Vivir no futuro, nas expectativas, no control e na présa, mentres EVADIMOS sentir onde temos plantados os pés.
Finxir que non pasa nada mentres un síntoma medra.
Sufrir de máis é non poder ver e integrar a negra sombra que nos asombra.
E para iso,
ás veces,
precisamos axuda.
Podo axudarte?