Cerrar


“Unha lunática”

Chámome
Sandra Martínez.

Psicóloga, educadora social
e terapeuta Gestalt.

Todo canto sucedía naquel cuarto propio de orixe é canto ten que ver con quen son e como traballo.

Todo comezou nun cuarto propio

Libros, escritura,
música e cine.

Primeiro foron os libros. A maneira de viaxar a outros lugares, coñecer outras persoas e descubrir tantas formas distintas de pensar e vivir.

Despois chegou a escrita. A fame de historias, de inventar personaxes propias.

A música, atravesando o corpo e canalizando as intensísimas emocións dunha adolescente punk. E o cine, co seu poder hipnótico, capaz de contar tanto nun primeiroísimo primeiro plano dunha bágoa.

Non sei cando din coa
Psicoloxía como concepto.

Coido que ela foi
a que deu comigo.

Retrato de Sandra nunha paisaxe de natureza

O seu estudo sacoume do niño e trouxome a Santiago, onde rematei a licenciatura na USC. Despois chegou Educación Social, ampliando a miña curiosidade polo asunto humano máis aló do individual.

Porque somos individuos, si, pero tamén somos comunidade. E creo que é nese diálogo entre o individual e o colectivo onde pode darse a saúde.

A saúde con
letras de neon:

  • Física,
  • Mental,
  • Emocional,
  • Espiritual,

E tamén:

  • Económica,
  • Política
  • e social.

O meu camiño profesional

Saír ao
mundo.

Traballei no ámbito social durante máis dunha década, desenvolvendo obradoiros e propostas educativas por toda Galicia: igualdade, sexualidade, educación emocional, prevención de condutas aditivas, mediación e resolución de conflitos, entre outras.

Tamén traballei como educadora nunha casa de acollida para menores tuteladas e como orientadora educativa con rapazada xitana, en colaboración coas súas familias e centros educativos.

Volver
cara dentro.

Logo chegaron os trinta. E con eles, unha crise e a necesidade de cambiar de rumbo.

Precisaba parar, mirar cara dentro e atopar algo de descanso. Volvín á Psicoloxía dende un lugar máis humanista e espiritual, e ese camiño levoume á Terapia Gestalt.

Foron anos de formación, terapia individual, traballo en grupo e supervisións. Un proceso que me levou a deixar de traballar para outras e crear un espazo propio.

2016

Así naceu o proxecto
que hoxe se chama Cuarto Crecente.

Aínda que, pensándoo ben, leva medrando
en min dende aquel primeiro cuarto propio.


A arte de seguir explorando

Historias, creatividade
e Tarot Humanista

A curiosidade polo humano e a súa dimensión espiritual seguiu levándome a novos lugares.

Chegaron os cursos de guión, a escrita creativa e, finalmente, o frechazo co Tarot Humanista. Unha arte da que agora me sinto a súa humilde intérprete.

Dalgún xeito, todo volve ao comezo: ás historias, á creatividade, ás preguntas e ás ganas de comprender un pouco mellor quen somos e como habitamos o mundo.

E aquí sigo, aprendendo,
explorando e acompañando.